Patiomorfose é o nome que recibe a proposta de intervención no patio coa que o IES Terra de Soneira participa este curso no Plan Proxecta Terra da Consellería de Educación e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia. O obxectivo desta iniciativa non é outro que crear un patio máis inclusivo e axeitado ás características da comunidade educativa, que dé resposta ás súas necesidades.
A primeira fase do proxecto, que coincidiu co primeiro trimestre, adicouse á reflexión sobre os espazos exteriores dos que dispón o centro por parte dos alumnos nas súas horas de titorías, da que se extraen as seguintes conclusións.
A maioría do alumnado recoñece adicar o seu tempo de lecer no patio a tres actividades fundamentais:
• Practicar algún xogo ou deporte: fútbol na súa maioría, pero tamén baloncesto, bádminton e futbolín.
• Sentar nun banco a comer e falar cos compañeiros.
• Pasear polas zonas verdes falando cos compañeiros.
Con base nesas tres actividades, as propostas de modificación do patio que fai o alumnado céntranse sobre todo na mellora das pistas deportivas, na adquisición de máis asentos e no adecentamento de paredes e zonas verdes.

Comentarios
Publicar un comentario