Son moitas as actividades que levamos facendo nas últimas semanas no marco do 25 de novembro, Día Internacional para a eliminación da violencia contra as mulleres.
En 3º de ESO, remataron o Obradoiro de igualdade e prevención da violencia de xénero impartido por Xiomara Lazo, técnica de Igualdade do Concello de Vimianzo, no que levaban xa cinco semanas participando durante as súas sesións de titoría.
Ademais, os mesmos rapaces decoraron as letras da palabra NON con imaxes de mulleres da nosa comunidade educativa dentro do Plan Proxecta Donas de sí. Detrás delas, colocámonos todos os alumnos e profesores do centro para gardar un minuto de silencio polas vítimas da violencia machista o 25 de novembro, ás 12.00 horas. Desde ese día, podedes velas no primeiro andar do edificio da ESO.
Pola súa banda, o alumnado de 1º de Bacharelato creou unha campaña publicitaria para previr a violencia de xénero en adolescentes baixo o lema Amor adolescente non é control inconsciente, da que tamén se fixeron eco La Voz de Galicia, Que pasa na costa e o Concello de Vimianzo nas súas redes sociais.
Os mesmos rapaces de 1º de Bacharelato, xunto aos seus compañeiros de ciclos formativos, asistiron así mesmo o mércores 23 de novembro á representación de As Mapoulas na Casa da Cultura de Vimianzo. Trátase dunha montaxe de Laboratorio escénico que mistura música, danza, teatro e imaxe coa que aprenderon a historia de Alicia Dourado, panadeira anarquista asasinada na súa casa refuxio do barrio das Atochas da Coruña en 1937.


.jpg)



Comentarios
Publicar un comentario